Sunday 05 de May de 2024

Máis de 600 persoas participaron na Festa e Concurso de Disfraces do Concello de Frades


As comparsas “Cofradía da Santa Estrela” (Ordes) e “Gonguitada mesonera” (Frades) foron as grandes gañadoras de xornada

O pavillón polideportivo de Ponte Carreira quedou pequeno para acoller a Festa e o Concurso de Disfraces do Concello de Frades. O tempo, frío e chuvioso, axudou neste caso xa que todas as actividades tiveron lugar a cuberto. Tal foi así que máis de seiscentas persoas se xuntaron para desfrutar nunha gran festa.

Durante algo máis de catro horas, as persoas asistentes desfrutaron de inchables, obradoiros para os máis pequenos, un concorrido fotomatón de Entroido e animación musical da man de Mickey e Minnie Mouse. A maiores, o Concello de Frades convidou aos presentes a flocos de millo e a chocolate quente con bica. E, unha vez rematada a entrega de premios do Concurso de Disfraces, todas as crianzas levaron cadansúa bolsa de lambonadas para a casa.

Premios

No que atinxe ao Concurso de Disfraces, repartíronse 1.200 euros en premios entre a vintena participantes nas distintas categorías. O gran premio da noite, os 300 euros do primeiro premio da categoría xeral grupo foi para a comparsa ordense “Cofradía da Santa Estrela”. O segundo premio foi para os “Oompa Loopa” e o terceiro para “Ochenteras”, distinguidas con 150 e 75 euros cada unha.

O Concello de Frades entregou tamén tres premios especiais á tres grupos locais: “Conguitada mesonera”, “Canteiros Dinos Park” é “Million Dollar Roxy”, de 125, 75 e 50 euros, respectivamente. A categoría adultos completouse cos premios individuais a “Laura e chispillas” e “A pintona peleona”, que levaron 100 e 50 euros.

Finalmente, na categoría grupo infantil os tres premios quedaron en Frades: “Os forzudos de Frades”, “Lavanderitas” e “Os boxeadores olímpicos de 6º”, que conseguiron 100, 60 e 30 euros de premio. “Cupcake” e “Desayuno con diamantes”, ambas de Frades, levaron o premio na categoría individual, con 60 e 30 euros. Os premios foron entregados polos concelleiros Manuel Ferreiro, Ángeles Álvarez, Juan Carlos Portos e Jesús Francos.